Saturday 20 de April de 2024

O Concello relanza a creación da área metropolitana xunto co resto de alcaldesas e alcaldes da bisbarra


 

A Coruña e o resto dos concellos estudarán medidas para compartiren a xestión de servizos

A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta mañá en María Pita unha primeira reunión de traballo coas alcaldesas e alcaldes dos concellos da bisbarra (Oleiros, Culleredo, Carral, Cambre, Abegondo, Bergondo, Sada, Betanzos e Arteixo) co obxetivo de relanzar a creación da área metropolitana. Un impulso que se traducirá en dúas medidas que Inés Rey tratou cos seus homólogos. A primeira, na proposta da formulación dunha lei para a creación da área metropolitana que o Goberno local levará ao pleno para a súa aprobación o próximo 3 de outubro; e a outra no estudo de medidas concretas para consorciar servizos como o abastecemento de auga, o tratamento de lixo e o transporte público que sirvan para “mellorar a calidade de vida dos cidadáns”. Se trata, dixo, de facer comunidade para garantir os servizos públicos “deixando de lado cuestións partidistas que nos impiden avanzar”.

Durante o encontro, a alcaldesa sinalou que se abre un “tempo novo no que o que se fixo antes non debe marcar o futuro”, e confía en que os acontecementos electorais que vive o país non condicionen un debate que “debe deixar a marxe as ideoloxías políticas”.

Consciente de que o Parlamento galego xoga un papel decisivo na posta en marcha do ente supramunicipal, a rexedora asegura que “polo momento non fixamos prazos e non espero que o Goberno autonómico, sexa da cor que sexa, impida unha actuación que mellora a vida da cidadanía e que se presenta desde a unidade”.

A Coruña debe coliderar co resto de concellos a creación da área metropolitana e por iso, aínda que “a casa do Concello está aberta a todo o mundo”, a idea é que as futuras xuntanzas se leven cabo de maneira rotatoria en todos os concellos.

Inés Rey agradeceu as alcaldesas e os alcaldes da comarca que se achegasen a María Pita e reiterou unha vez máis a idea de que “A Coruña deixou de ser esa península, esa pequena aldea gala que daba as costas a súa contorna para vivir unha nova realidade metropolitana na que as persoas viven na Coruña, traballan en Arteixo e desfrutan do seu tempo do lecer en Oleiros ou Culleredo”. “Unha realidade da que A Coruña non pode permirtirse quedar á marxe”, subliñou.